"El mar es el último refugio que me resta" A.Pérez-Reverte

23 junio 2008

Kit para San Xoan


Cacheira, cachela, fogueira, lumarada, lumeirada, lumieira, cachaza, cacharela, lumazo sexa cal sexa o nome que se lle deas, esta noite todos estaremos pendentes de ir ás fogueiras de san Xoán. E mentres miramos ao ceo para ver se a chuvia tampouco se perde a festa, ofrecemos unha listaxe de cousas que debes facer para non perder detalle na fogueira.


O costume de reunirse, comer, beber e danzar ao redor das fogueiras no solsticio de verán remóntase aos tempos nos que os celtas celebraban a festa de "Beltaine" ou "Beldán", a festa do Sol que festexaba cando este está no seu punto máis álxido.

O que dá paso do solsticio de verán ao de inverno.
Os costumes fóronse convertendo en tradicións e co paso do tempo hai moitas cousas que non legaron os nosos antepasados e hoxe son de obrigado cumprimento. Entre as vellas tradicións e a adaptación á vida moderna aquí para esta noite de San Xoán hai cousas que non debes deixar de facer.

Primeiro paso
O primeiro paso, e fundamental, para poder celebrar unha noite de San Xoán é ter unha fogueira e para iso debes ter en conta dúas cousas: a normativa que cada concello estabelece como obrigatorio e o material que precisas para construíla.As normas de seguridade que adoitan a marcar os concellos de toda Galiza fan referencia ao tamaño (uns tres metros de alto e oito de perímetro como máximo), a separación entre a cacharela as árbores e os edificios do arredor (de 12 metros), evitar botar ao lume pneumáticos, plásticos ou recipientes que conteñan líquidos inflamábeis. A normativa municipal para este día esixe alén diso que o colectivo responsábel coñeza o número de teléfono de servizos dos bombeiros (082) e que antes de abandonar o lugar da fogueira coiden que as cinzas queden totalmente apagadas. Hai concellos como os da Coruña e Vigo que esixen a maiores un seguro de responsabilidade civil (en Vigo paso dos 6.000 euros do ano anterior aos 150.000 desta noite) o que encarece considerabelmente a fogueira. Pero aínda así, na Coruña hai quen lugar de facer unha fogueira a base de amontoar madeira, lle dá unha forma artística satirizando algún feito de actualidade para competir no concurso "Fogueira de San Xoán".Ademais, hai colectivos como o Fervenza na parroquia de Ouzande no concello pontevedrés da Estrada que incorporan á propia fogueira un saco moi singular. Nel cada un dos veciños botan un papel no que escribiron todo que queren queimar ese ano, co fin de que desapareza das súas vidas.

Segundo paso
Unha vez que temos a normativa en regra e solicitados os permisos hai que preparar os outros elementos "imprescindíbeis" para a festa: as sardiñas, o viño, o pan e a empanada. O prezo final que terá hoxe no mercado a "sardina pilchardus", nome científico da popular sardiña, varía entre os cinco e oito euros do mercado de Santiago e os doce euros que se estima que alcance en Vigo. De todos os xeitos, Mari Carmen Rocha, pescadeira da praza de abastos de Santiago, apuntaba que este ano descenderan o número das encargas, "entre que é día de semana e é posíbel que chova, a xente non se anima". De todos os xeitos esta madrugada as lonxas galegas venderon máis de 60.000 quilos de sardiñas para que as viandas non falten nas pranchas improvisadas ao pé das fogueiras. O pan e o viño, con tal de que sexan do país valen para acompañar ás sardiñas e para coller folgos para toda a noite.

Terceiro paso
Entre as numerosas lendas que hai espalladas por toda Galicia para esta noite de San Xoán hai dous costumes básicos para pasar a noite. Por unha banda están as herbas que haberá que colocar na casa para espantar as meigas e por outra as plantas e flores que hai que pór en auga coa que lavaremos a cara a mañá do vintecatro. Así que esta tarde estaremos recollendo fiúnchos, romeiros, sabugos, herba luísas, malvas e estalotes ou croques ou sanxoáns. E con eles faremos dous montóns, un que colocaremos nas portas e fiestras da casa para protexernos de meigallos e outro que meteremos en auga coa que lavaremos a cara. Pero esta fórmula caseira con propiedades curativas, non é a única, existe outra moi estendida que é lavarse coa flor da auga, a auga que se recolle dunha fonte no mesmo instante en que sae o sol e chegan á superficie do líquido. Agora ben, as propiedades que se lle atribúen depende de cada zona.E por último, esta tarde haberá que mudarse, pór roupa vella que non importe se se afuma, calzado cómodo para poder saltar a fogueira e o noso mellor sorriso para gozar da chegada do verán..... se o tempo o permite, claro.
Remato aconsellando:
Por favor, non salta-la lumeirada en parella da man, é moi romántico, pero, crédeme, acabades esnafrados no lume..non falla.....e por suposto, mira ben a ver se non salta ninguén fronte a ti, de seres así, inevitablemente...chocaredes no medio do lume..sí, tamén e perigoso, a todos nos pasou. j aja ja ja ja ja ja
(NOTA: meu pai ten os ollos azuis mais claros que coñezo..pero non ten cellas..ahí o deixo, ja ja ja)
Qué bonita noite a de San Xoan.UNICA,
Feliz noite meiga, tritons. Disfrutade!!!!
Xa chegou o verán.

No hay comentarios: